TED HUGHES EN GALEGO
TED HUGHES: CANCIÓN DE AMOR
Il amábaa e ela amábao
Os bicos dil zugábanlle todo o seu pasado e futuro ou iso tentaban
Ela era o seu único degoiro
Ela trincábao roíao chuchábao
Queríao a feito dentro dela
San e salvo por sempre endexamais
Os pequenos chíos de ambos revoaban entre as cortinas
Os ollos dela non deixaban escapar ren
Coas súas olladas craváballe as maos os pulsos os cóbados
Il agarrábaa con forza pra que a vida
Non puidese arrastrala dende aquil intre
Quería que o futuro cesase
Quería precipitarse abrazado a ela
Caer dende o borde daquil intre na nada
Na eternidade ou no que for
A aperta dela era un inmenso prelo
Co que o imprimía nos seus ósos
Os sorrisos dil eran os faiados dun pazo de fábula
Ós que o mundo real nunca chegaría
Os dela eran mordedelas de araña
E il agardaba inmóbil deitado a que ela tivese fame
As palabras dil eran exércitos de ocupación
Os risos dela tentativas de asasinato
As olladas dil eran balas puñais de vinganza
As dela pantasmas agochadas nun recuncho con horribles segredos
Os murmurios dil eran látegos e botas de montar
Os bicos dela avogados a escribiren cadora
Os aloumiños dil eran os últimos anzois dun náufrago
As artimañas amorosas delas o renxer duns ferrollos
E os profundos berros de ambos se arrastraban polos chaos
Coma un animal carretando un enorme ichó
As promesas dil eran a máscara dun cirurxián
As dela levantábanlle a tapa do cerebro
Co cal desexaba facerse un broche
Il cos seus votos arrincoulle os tendóns
Pra aprenderlle a facer un nó de amor
Ela cos seus quitoulle os ollos pra conservalos en formol
No fondo do seu caixón segredo
Os gritos de ambos se espetaban na parede
As súas cabezas partíronse no sono coma as dúas metades
Dun melón encetado, pero é moi difícil coutar o amor
Enguedellados no sono intercambiaron brazos e pernas
Encerellados no soño cadanseu cerebro tomou o outro coma refén
Ó amencer cada un lucía a face do outro.
*Traducción de Xoán Abeleira. Este texto publicouse esta semana no diario ‘La Opinión’ de A Coruña, na sección Asieu. La foto es de Allan Jenkins.
0 comentarios